Unha aperta.
PROXECTO CÁPSULA DO TEMPO
CPIP de Castroverde
1. Xustificación.
Como sabedes, debido ao peche dos centros con motivo da pandemia do Covid – 19, as instrucións, tanto do Ministerio como da Xunta, indican que debemos dedicar o terceiro trimestre a actividades de recuperación, repaso e reforzo ou, no seu caso, ampliación, con actividades globalizadoras e interdisciplinares, debidamente titorizadas. As actividades deben centrarse nas aprendizaxes e competencias imprescindibles, evitando sobrecargar ao alumnado.
A avaliación final das aprendizaxes do alumnado durante o curso 2019 – 2020, considerará en conxunto, as avaliacións de todo o curso, valorando especialmente o grao de desenvolvemento das aprendizaxes e das competencias imprescindibles previamente definidas.
2. Contextualización.
Seguindo tamén instrucións da consellería, o CPIP de Castroverde, procurou acadar información sobre o acceso ás redes de todo o alumnado do centro, co fin de procurar a axeitada conexión ás citadas actividades de todos e cada un ou cada unha dos alumnos e alumnas, procurando solucionar, dentro do posible, os problemas detectados.
Unha vez realizado este imprescindible paso, varios departamentos decidimos organizar un proxecto interdisciplinar, que permita traballar, dunha forma o máis achegada ao alumnado que nos sexa posible, as competencias básicas imprescindibles. As actividades realizadas servirán para traballar as competencias básicas comúns, e contidos varios das diferentes materias dos departamentos para os que foi posible unirse a este proxecto.
3. Presentación.
A Cápsula do tempo, é unha actividade interdisciplinar que, basicamente, consiste en realizar unha serie de actividades e reunir obxectos e traballos variados, que se introducirán nunha caixa ou recipiente, o máis hermético que nos sexa posible, coa intención de pechalo e que poida abrirse no futuro, constituíndo unha valiosa fonte de información, deste momento histórico que estamos a vivir.
4. Competencias que se traballarán desde os distintos departamentos participantes:
Comunicación lingüística:
A Comunicación Lingüística é a habilidade para expresar conceptos, pensamentos, sentimentos, feitos e opinións de forma oral e escrita e para interactuar lingüisticamente dunha maneira axeitada e creativa en todos os posibles contextos sociais e culturais, como a educación e a formación, a vida privada e profesional e o ocio.
Inclúese a comunicación de datos a través de mapas e imaxes (tanto a súa elaboración como a súa interpretación), gráficos, etc., empregando do vocabulario específico axeitadamente.
Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCCT):
A competencia matemática é a habilidade para aplicar o razoamento matemático coa fin de resolver diversos problemas en situacións cotiás. Baseándose no bo dominio do cálculo, a énfase se sitúa no proceso e a actividade, aínda que tamén nos coñecementos. A competencia matemática entraña en distintos grados, a capacidade e a vontade de utilizar modos matemáticos de pensamento (pensamento lóxico e espacial) e representación (fórmulas, modelos, construcións, gráficos e diagramas). Inclúe a comparación de valores porcentuais ou absolutos, a localización espacial ou no tempo, os esquemas mentais, etc.
A competencia en materia científica alude á capacidade e á vontade de empregar o conxunto dos coñecementos e a metodoloxía empregados para explicar a natureza, coa fin de expor preguntas e extraer conclusións baseadas en probas. As competencias científicas e tecnolóxicas entrañan a comprensión dos cambios causados pola actividade humana e a responsabilidade de cada individuo como cidadán.
Competencia dixital (CD):
A competencia dixital entraña o uso seguro e crítico das tecnoloxías da sociedade e da información para o traballo, o lecer e a comunicación. Susténtase nas competencias básicas en materia de TIC: o uso de ordenadores para obter, avaliar, almacenar, presentar e intercambiar información, e comunicarse e participar nas redes de colaboración a través de internet. A competencia dixital esixe unha boa comprensión e amplos coñecementos sobre a natureza, a función es as oportunidades das tecnoloxías da sociedade e da información en situacións cotiás da vida privada, social e profesional. Isto leva asociado o coñecemento das principais aplicacións informáticas, como os sistemas de tratamento de textos, bases de datos, almacenamento e xestión da información, e a comprensión das oportunidades e dos riscos potenciais que ofrecen Internet e a comunicación por medios electrónicos (correo electrónico ou ferramentas de rede) para a vida profesional, o lecer, a posta en común de información e as redes de colaboración, a aprendizaxe e a investigación. Do mesmo xeito, as persoas deben comprender as posibilidades que as tecnoloxías da sociedade e da información ofrecen como ferramenta de axuda á creatividade e á innovación, e estar ao corrente das cuestións relacionadas coa validez e a fiabilidade da información dispoñible e dos principios legais e éticos polos que debe rexerse o uso interactivo das tecnoloxías da sociedade e da información.
As capacidades necesarias inclúen: a capacidade de buscar, obter e tratar información, así como de utilizala de maneira crítica e sistemática, avaliando a súa pertinencia e diferenciando entre información real e virtual, pero recoñecendo ao mesmo tempo os vínculos. As persoas deben ser quen de empregar ferramentas para producir, presentar e comprender información complexa e ter a habilidade necesaria para acceder a servizos baseados en Internet, buscalos e utilizalos, pero tamén deben saber como empregar as tecnoloxías da sociedade e da información como base do pensamento crítico, a creatividade e a innovación.
Aprender a aprender (CAA):
Aprender a aprender é a habilidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nela, para organizar a súa propia aprendizaxe e xestionar o tempo e a información eficazmente, xa sexa individualmente ou en grupos. Esta competencia implica ser consciente do propio proceso de aprendizaxe e da necesidade de aprendizaxe de cada un, determinar as oportunidades dispoñibles e ser quen de superar os obstáculos coa fin de culminar a aprendizaxe con éxito. Dita competencia significa adquirir, procesar e asimilar novos coñecementos e capacidades, así como buscar orientacións e facer uso delas. O feito de “aprender a aprender” fai que o alumnado se axude de experiencias vitais e de aprendizaxe anteriores coa fin de empregar e aplicar os novos coñecementos e capacidades en moi diversos contextos, como os da vida privada e profesional e a educación e formación. A motivación e a confianza son cruciais para a adquisición desta competencia.
Cómpre que cada alumno e cada alumna teñan a capacidade de ser autónomos e autónomas, que teñan a capacidade de saber a información que lles falta e lles interesa saber, como buscala, que fontes de información son máis ou menos fiables, cal información é pertinente para o que pretenden, como organizala, reflexionar criticamente sobre ela, empregala axeitadamente, etc.
“Aprender a aprender” esixe a adquisición das capacidades básicas fundamentais necesarias para a aprendizaxe como a lectura, a escritura, o cálculo e as TIC. Elementos que se traballarán con materiais propios de cada materia como textos con vocabulario específico, mapas, gráficos, estatísticas, etc. Deben poder concentrarse e aprender a superar os obstáculos e resolver problemas. Deben poder aplicar o aprendido a novas situacións.
Esta competencia é crucial para desenvolver unha capacidade crítica que lles permita interpretar a información diverxente e orientar a súa propia aprendizaxe ao longo de toda a vida, á luz das súas propias conviccións.
Competencias sociais e cívicas (CSC):
Estas competencias inclúen as persoais e interculturais e recollen todas as formas de comportamento que preparan ás persoas para participar dunha maneira eficaz e construtiva na vida social e profesional, especialmente en sociedades cada ve máis diversificadas, e , no seu caso, para resolver conflitos. A competencia cívica prepara ás persoas para participar plenamente na vida cívica grazas ao coñecemento de conceptos e estruturas sociais e políticas, e ao compromiso de participación activa e democrática.
Os elementos fundamentais desta competencia inclúen a capacidade de comunicarse dunha maneira construtiva nos distintos contextos, mostrar tolerancia, expresar e comprender puntos de vista diferentes, negociar sabendo inspirar confianza, e sentir empatía. As persoas deben ser quen de xestionar o estres e a frustración e de expresalos dunha maneira construtiva, e tamén de distinguir a esfera profesional da privada.
Esta competencia baséase nunha actitude de colaboración, na seguridade nun mesmo ou mesma e na integridade. As persoas deben interesarse polo desenvolvemento socioeconómico, a comunicación intercultural, a diversidade de valores e o respecto polos outros, así como estar dispostas a superar os prexuízos e a comprometerse.
A competencia cívica baséase no coñecemento dos conceptos de democracia, xustiza, igualdade, cidadanía e dereitos civís.
Esta capacidade debe axudarlles a desenvolver a habilidade para interactuar eficazmente no ámbito público e para manifestar solidariedade e interese por resolver os problemas que afecten á comunidade, xa sexa local ou máis ampla. Leva asociada a participación na súa comunidade e o sentimento de pertenza a ela.
Conciencia e expresións culturais (CCEC):
É a apreciación da importancia da expresión creativa de ideas, experiencias e emocións a través de distintos medios.
A expresión cultural precisa una conciencia da herdanza cultural a escala local, nacional e europea e do seu lugar no mundo e a importancia dos factores estéticos na vida cotiá.
Débese traballar a apreciación e a expresión; a apreciación e o goce das obras de arte.
A base do respecto e da actitude aberta á diversidade da expresión cultural é unha boa comprensión da cultura propia e un sentimento de identidade. Unha actitude positiva baséase tamén na creatividade e na vontade de cultivar as capacidades estéticas mediante a expresión artística e a participación na vida cultural.
5. Metodoloxía, temporalización, grao de consecución, procedementos e instrumentos de avaliación:
A Aprendizaxe Baseada en Proxectos é unha metodoloxía de aprendizaxe na que cada estudante adquire un rol activo favorecendo a motivación. O profesorado vai guiando o proceso, propoñendo tarefas que axuden a acadar os obxectivos, realizando un seguimento do traballo e unha avaliación formativa que oriente ao alumnado no camiño. O proxecto debe vincularse ao mundo real e ter unha utilidade práctica ou xerar un beneficio social. Neste caso, o obxectivo final é facer entre todos e todas unha cápsula do tempo que permita, nun futuro, ter fontes de información fiables sobre a situación histórica actual froito da pandemia mundial do Covid – 19.
As fontes de información poden ser moi variadas, e serán elaboradas polo alumnado, guiados polo profesorado das distintas materias.
Os tipos de fontes son moi variados:
- Escritas: documentos públicos (BOE, DOG...) e privados (cartas, diarios...); publicacións periódicas (prensa, folletos...), obras literarias e científicas, etc.
- Non escritas:
§ Orais: gravacións de entrevistas, testemuños, cancións, poesías...
§ Materiais: obxectos cotiáns, obxectos manufacturados...
§ Iconográficos: pinturas, debuxos...
§ Obras gráficas: mapas, gráficos, fotografías, vídeos...
Cada fonte deberá dar a máxima información posible, para facilitar o labor cando, no futuro, se abra a cápsula.
Dado que non sabemos cando poderemos incorporarnos ás clases presenciais, programaremos tarefas e actividades pensadas para realizar quincena por quincena. Cada departamento traballara en base aos seus propios estándares de aprendizaxe, e decidirá o grao de consecución que se espera, os procedementos e os instrumentos de avaliación. Esta avaliación que deberá ser fundamentalmente formativa, continua e positiva, tal como se nos indica desde as instancias oficiais.
6. Obxectivos xerais do proxecto.
Os obxectivos baséanse nos que se establecen legalmente para a etapa da Educación Secundaria:
- Asumir responsablemente os seus deberes, incluso en situacións extraordinarias como a que nos atopamos. Coñecer e exercer os seus dereitos e obrigas e respectar aos demais, preparándose para unha cidadanía democrática.
- Desenvolver hábitos de estudo e traballo individual ou de equipo.
- Rexeitar a discriminación de calquera tipo e rexeitar os estereotipos.
- Fornecer ás súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da súa personalidade e nas súas relacións cos demais.
- Desenvolver destrezas básicas no emprego das fontes de información, para, con sentido crítico, adquirir novos coñecementos. Adquirir unha preparación básica no campo das tecnoloxías, especialmente nas da información e a comunicación.
- Concibir o coñecemento científico como un saber integrado, que se estrutura en distintas disciplinas.
- Desenvolver un espírito emprendedor e a confianza en si mesmo ou mesma, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.
- Comprender e expresar con corrección, oralmente e por escrito, na lingua castelá e o galego, textos e mensaxes.
- Comprender e expresarse nunha ou máis linguas estranxeiras de maneira apropiada.
- Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e da historia propias e dos demais, así como o patrimonio artístico e cultural.
- Coñecer e aceptar o funcionamento do propio corpo e dos outros, respectar as diferenzas, afianzar os hábitos do coidado e da saúde corporais e incorporar a educación física e a práctica do deporte para favorecer o desenvolvemento corporal e social. Coñecer e valorar a dimensión humana da sexualidade en toda a súa diversidade. Valorar criticamente os hábitos sociais relacionados coa saúde, o consumo, o coidado dos seres vivos e o medio ambiente, contribuíndo á súa conservación e mellora.
- Apreciar a creación artística e comprender a linguaxe das distintas manifestacións artísticas, empregando diversos medios de expresión e representación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario