sábado, 18 de abril de 2020

Modificación da programación segundo orde da consellería


Seguindo as instruccións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da comunidade Autónoma de Galicia, achego a adaptacion da programación didáctica do curso 2019/2020.
Centro: CPIP de Castroverde.
Curso: 2º de ESO.
Materia: Xeografía e Historia.
Departamento: Xeografía e Historia.
Data: 5 de maio do 2020.
1.       Estándares de aprendizaxe e competencias imprescindibles para a terceira avaliación.
Competencias:
Comunicación lingüística:
A Comunicación Lingüística é a habilidade para expresar conceptos, pensamentos, sentimentos, feitos e opinións de forma oral e escrita e para interactuar lingüisticamente dunha maneira axeitada e creativa en todos os posibles contextos sociais e culturais, como a educación e a formación, a vida privada e profesional e o ocio.
Inclúese a comunicación de datos a través de mapas e imaxes (tanto a súa elaboración como a súa interpretación), gráficos, etc., empregando do vocabulario específico axeitadamente.

Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCCT):
A competencia matemática é a habilidade para aplicar o razoamento matemático coa fin de resolver diversos problemas en situacións cotiás. Baseándose no bo dominio do cálculo, a énfase se sitúa no proceso e a actividade, aínda que tamén nos coñecementos. A competencia matemática entraña en distintos grados, a capacidade e a vontade de utilizar modos matemáticos de pensamento (pensamento lóxico e espacial) e representación (fórmulas, modelos, construcións, gráficos e diagramas). Inclúe a comparación de valores porcentuais ou absolutos, a localización espacial ou no tempo, os esquemas mentais, etc.
A competencia en materia científica alude á capacidade e á vontade de empregar o conxunto dos coñecementos e a metodoloxía empregados para explicar a natureza, coa fin de expor preguntas e extraer conclusións baseadas en probas. As competencias científicas e tecnolóxicas entrañan a comprensión dos cambios causados pola actividade humana e a responsabilidade de cada individuo como cidadán.

Competencia dixital (CD):
A competencia dixital entraña o uso seguro e crítico das tecnoloxías da sociedade e da información para o traballo, o lecer e a comunicación. Susténtase nas competencias básicas en materia de TIC: o uso de ordenadores para obter, avaliar, almacenar, presentar e intercambiar información, e comunicarse e participar nas redes de colaboración a través de internet. A competencia dixital esixe unha boa comprensión e amplos coñecementos sobre a natureza, a función es as oportunidades das tecnoloxías da sociedade e da información en situacións cotiás da vida privada, social e profesional. Isto leva asociado o coñecemento das principais aplicacións informáticas, como os sistemas de tratamento de textos, bases de datos, almacenamento e xestión da información, e a comprensión das oportunidades e dos riscos potenciais que ofrecen Internet e a comunicación por medios electrónicos (correo electrónico ou ferramentas de rede) para a vida profesional, o lecer, a posta en común de información e as redes de colaboración, a aprendizaxe e a investigación. Do mesmo xeito, as persoas deben comprender as posibilidades que as tecnoloxías da sociedade e da información ofrecen como ferramenta de axuda á creatividade e á innovación, e estar ao corrente das cuestións relacionadas coa validez e a fiabilidade da información dispoñible  e dos principios legais e éticos polos que debe rexerse o uso interactivo das tecnoloxías da sociedade e da información.
As capacidades necesarias inclúen: a capacidade de buscar, obter e tratar información, así como de utilizala de maneira crítica e sistemática, avaliando a súa pertinencia e diferenciando entre información real e virtual, pero recoñecendo ao mesmo tempo os vínculos. As persoas deben ser quen de empregar ferramentas para producir, presentar e comprender información complexa e ter a habilidade necesaria para acceder a servizos baseados en Internet, buscalos e utilizalos, pero tamén deben saber como empregar as tecnoloxías da sociedade e da información como base do pensamento crítico, a creatividade e a innovación.
Aprender a aprender (CAA):
Aprender a aprender é a habilidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nela, para organizar a súa propia aprendizaxe e xestionar o tempo e a información eficazmente, xa sexa individualmente ou en grupos. Esta competencia implica ser consciente do propio proceso de aprendizaxe e da necesidade de aprendizaxe de cada un, determinar as oportunidades dispoñibles e ser quen de superar os obstáculos coa fin de culminar a aprendizaxe con éxito. Dita competencia significa adquirir, procesar e asimilar novos coñecementos e capacidades, así como buscar orientacións e facer uso delas. O feito de “aprender a aprender” fai que o alumnado se axude de experiencias vitais e de aprendizaxe anteriores coa fin de empregar e aplicar os novos coñecementos e capacidades en moi diversos contextos, como os da vida privada e profesional e a educación e formación. A motivación e a confianza son cruciais para a adquisición desta competencia.
Cómpre que cada alumno e cada alumna teñan a capacidade de ser autónomos e autónomas, que teñan a capacidade de saber a información que lles falta e lles interesa saber, como buscala, que fontes de información son máis ou menos fiables, cal información é pertinente para o que pretenden, como organizala, reflexionar criticamente sobre ela, empregala axeitadamente, etc.
“Aprender a aprender” esixe a adquisición das capacidades básicas fundamentais necesarias para a aprendizaxe como a lectura, a escritura, o cálculo e as TIC. Elementos que se traballarán con materiais propios de cada materia como textos con vocabulario específico, mapas, gráficos, estatísticas, etc. Deben poder concentrarse e aprender a superar os obstáculos e resolver problemas. Deben poder aplicar o aprendido a novas situacións.
Esta competencia é crucial para desenvolver unha capacidade crítica que lles permita interpretar a información diverxente e orientar a súa propia aprendizaxe ao longo de toda a vida, á luz das súas propias conviccións.
Competencias sociais e cívicas (CSC):
Estas competencias inclúen as persoais e interculturais e recollen todas as formas de comportamento que preparan ás persoas para participar dunha maneira eficaz e construtiva na vida social e profesional, especialmente en sociedades cada ve máis diversificadas, e , no seu caso, para resolver conflitos. A competencia cívica prepara ás persoas para participar plenamente na vida cívica grazas ao coñecemento de conceptos e estruturas sociais e políticas, e ao compromiso de participación activa e democrática.
Os elementos fundamentais desta competencia inclúen a capacidade de comunicarse dunha maneira construtiva nos distintos contextos, mostrar tolerancia, expresar e comprender puntos de vista diferentes, negociar sabendo inspirar confianza, e sentir empatía. As persoas deben ser quen de xestionar o estres e a frustración e de expresalos dunha maneira construtiva, e tamén de distinguir a esfera profesional da privada.
Esta competencia baséase nunha actitude de colaboración, na seguridade nun mesmo ou mesma e na integridade. As persoas deben interesarse polo desenvolvemento socioeconómico, a comunicación intercultural, a diversidade de valores e o respecto polos outros, así como estar dispostas a superar os prexuízos e a comprometerse.
A competencia cívica baséase no coñecemento dos conceptos de democracia, xustiza, igualdade, cidadanía e dereitos civís.
Esta capacidade debe axudarlles a desenvolver a habilidade para interactuar eficazmente no ámbito público e para manifestar solidariedade e interese por resolver os problemas que afecten á comunidade, xa sexa local ou máis ampla. Leva asociada a participación na súa comunidade e o sentimento de pertenza a ela.
Conciencia e expresións culturais (CCEC):
É a apreciación da importancia da expresión creativa de ideas, experiencias e emocións a través de distintos medios.
A expresión cultural precisa una conciencia da herdanza cultural a escala local, nacional e europea e do seu lugar no mundo e a importancia dos factores estéticos na vida cotiá.
Débese  traballar a apreciación e a expresión; a apreciación e o goce das obras de arte.
A base do respecto e da actitude aberta á diversidade da expresión cultural é unha boa comprensión da cultura propia e un sentimento de identidade. Unha actitude positiva baséase tamén na creatividade  e na vontade de cultivar as capacidades estéticas mediante a expresión artística e a participación na vida cultural.
Estándares de aprendizaxe para a terceira avaliación:
Identifica elementos materiais, culturais ou ideolóxicos que son herdanza do pasado
Nomea e identifica catro clases de fontes históricas.
Comprende que a historia non se pode escribir sen fontes, xa sexan estas restos materiais ou textuais
Ordena temporalmente algúns feitos históricos e outros feitos salientables, utilizando para iso as nocións básicas de sucesión, duración e simultaneidade
Realiza diversos tipos de eixes cronolóxicos e mapas históricos.
Entende que varias culturas convivían á vez en diferentes enclaves xeográficos
Utiliza o vocabulario histórico e artístico imprescindible para cada época

2.       Avaliación e cualificación.
Avaliación e cualificación
Terceira avaliación
Procedementos: visualización de videos, entrega de traballos en diferentes formatos e, no seu caso, entrevistas orais.
A entrega de traballos e entrevistas poderá facerse a través dos seguintes instrumentos:
-          Whats app: texto escrito, fotografía ou escaneado dun texto escrito manualmente, audio, video.
-          Chamada telefónica.
-          Correo electrónico: texto en word ou calquer outro procesador de texto, power point, enlace a drive, ou calquera outra cousa que permita textos, imaxes, audios ou vídeos.
Cualificación final
A cualificación final de curso será a media da nota das dúas primeiras avaliacións, á que se lle podería engadir un ou dous puntos en función da calidade dos traballos entregados na terceira avaliación.
O alumnado ao que non lle dea a media das dúas primeiras avaliacións para aprobar, chegarálle con demostrar que viu os videos a través dunha entrevista telefónica ou presencial se houbera clases presenciais.
Proba extraordinaria de setembro
Se a proba extraordinaria de setembro é presencial, realizaremos un exame escrito da materia suspensa por cada alumno ou alumna en concreto, en cada avaliación.
Alumnado de materia pendente
Non hai alumnos nin alumnas coa materia pendente.


3.       Metodoloxía e actividades do 3º trimestre (recuperación, reforzo, repaso, e no seu caso, ampliación).
Metodoloxía e actividades do 3º trimestre (recuperación, repaso, reforzo, e no seu caso, ampliación).
Actividades
As actividades consistirán na visualización dun video por quincena e realización de actividades e tarefas relacionadas con él e coa elaboración dunha cápsula do tempo, cando nos reincorporemos ás clases.
O alumnado que así o desexe, pode substituír as tarefas quincenais pola realización dun traballo persoal pactado previamente coa profesora e relacionado coa realización da cápsula do tempo.
Metodoloxía (alumnado con conectividade e sen conectividade)
Empregaremos a metodoloxía de ABP. Todos os vídeos que visualizarán e as tarefas que realizarán, estarán relacionados coa elaboración da nosa cápsula do tempo.
Debido a que os vídeos están colgados en youtube e que todo o alumnado pode acceder por teléfono móbil e entregar as tarefas en audios de whats app ou chamadas telefónicas, non hai problemas de conectividade. Se algún alumno ou alumna non puidera visualizar algún video, eu daríalle unha explicación alternativa por teléfono de forma personal.
Materiais e recursos
Vídeos de youtube elaborados pola profesora, whats app, correo electrónico, chamadas telefónicas e, se o alumnado así o demanda, algunha sesión de videoconferencia a través da plataforma cisco – webex.

4.       Información e publicidade.
Información e publicidade
Información ao alumnado e ás familias
O grupo  ten un blogg co que vai seguindo as clases desde principio de curso e que é a principal forma de informar ás familias para este departamento. Esta adaptación da programación publicarase no blogg. E ao alumnado que non lle da a media das dúas primeiras avaliacións para aprobar, chamarémolo por teléfono para informalo do indicado neste documento.
Publicidade
Publicación obrigatoria na páxina web do centro




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Pirámide social do Antigo Réxime